O venres 28 de febreiro, o Colexio Franciscanos de Lugo recibiu o I Premio de Innovación Educativa. A cita foi en Santiago de Compostela ás 12.00 horas. Este premio, que ten unha dotación económica de 1000 euros, foi creado polo grupo SM en colaboración con Escolas Católica, para recoñecer proxectos pedagóxicos innovadores que se desenvolven nos diferentes centros de toda Galicia, promovendo enfoques innovadores que favorezan a aprendizaxe, integración e emprendemento. O proxecto Avións de Papel, realizado por Ginés Vázquez e David Méndez en quinto de primaria, é o primeiro gañador deste prestixioso galardón entre as numerosas propostas presentadas dende distintos puntos da Comunidade galega. Este proxecto, en marcha dende 2018, conta cunha radio, unha canle de televisión en YouTube, dúas novelas en galego e castelán; e basea o seu sistema de aprendizaxe na gamificación, sendo o xogo a base dos avances nas diferentes materias. Este recoñecemento súmase a outros acadados nos últimos anos polo centro, relacionados coa innovación e a educación audiovisual, na busca de novas fórmulas e métodos de ensino innovadores. Destacando especialmente catro premios consecutivos Rec.curta á mellor película. Todo isto para seguir sendo un centro de referencia no ámbito provincial e rexional como nos seus primeiros cincuenta anos de vida.

